Pontevedra acollerá o Campionato de Europa Junior 2019 de Loitas Olímpicas

37
  • Reunirá a máis dun millar de deportistas e mobilizará ata 1.500 persoas se incluímos adestradores, delegados, árbitros, membros da Federación Internacional…
  • Pontevedra impúxese a outras tres candidaturas:Chisinau (Moldavia), Bydgoszcz (Polonia) e Skopje (Macedonia)
  • Pesou a nosa experiencia na organización de eventos deportivos internacionais, de citas estatais deste deporte e o modelo de cidade, premiado co ONU-Hábitat
  • A cidade enfrontará no 2019 ademais a celebración do ITU Multisport Festival (Mundial de Tríatlon) e o Mundial de Balonmán Junior.

Pontevedra acollerá o Campionato de Europa Junior 2019 de Loitas Olímpicas -Loita Libre Masculina, Loita Libre Feminina e Loita Grecorromana- que reunirá na cidade a máis dun millar de deportistas (máximo 1.200) e arredor de 1.500 persoas se incluímos: adestradores, delegados, árbitros, membros da Federación Internacional…). Hai poucas experiencias en citas internacionais de Loita deste nivel no Estado: o Europeo Cadete en Sevilla en 2003 e o Mundial Junior de Barcelona, en 1991.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, deu a coñecer hoxe a nova acompañado dos presidentes da Federación Española de Loitas Olímpicas, Francisco Javier Iglesias e o da Federación Galega, José Luis Olazábal e pola concelleira de Deportes, Anxos Riveiro a elección de Pontevedra como sede do campionato. Para elo tivo que superar a outras tres candidaturas: Chisinau (Moldavia), Bydgoszcz (Polonia) e Skopje (Macedonia).

A cidade de Pontevedra fóra avaliada como posíbel sede da cita continental do 2019 pola comisaria europea e membro do Bureau da Federación Internacional, Rodica María Yaksi (TUR) o pasado 10 de xullo.

A experiencia da cidade na organización de eventos deportivos internacionais de distintas disciplinas (piragüismo, tríatlon), a experiencia na organización de eventos nacionais de Loitas Olímpicas (Campionato España Junior y Escolar 2016 e de España Senior e Cadete 201), as facilidades da cidade (proximidade do pavillón aos hoteis, o centro peonil, cultura, entorno..) e o modelo urbano merecedor do premio ONU-Hábitat foron os factores que levaron a Federación Internacional de Loitas Olímpicas a elixir a Pontevedra fronte ás outras tres candidatas.

“As outras eran cidades máis grandes, nós máis xeitosos” resumía o alcalde de Pontevedra, quen puxo en valor o traballo e a implicación do servizo municipal de Deportes na aposta por converter a Pontevedra tamén en un referente deportivo. Un traballo de longo percorrido que no ano 2019 enfrontará a Pontevedra á celebración deste Campionato de Europa Junior de Loitas Olímpicas sumarase o Mundial de Tríatlon (ITU Multisport Festival) e o Mundial de Balonmán Junior.

No caso do Campionato de Europa de Loitas Olímpicas Junior 2019, Pontevedra recollerá o testigo de Roma 2018.

Serán seis días de campionato, a desenvolver na primeira metade do mes de xuño (por precisar as datas exactas) que terán como sede o Pavillón Municipal de Deportes.

O presidente da Federación Galega de Loitas Olímpicas, José Luis Olazábal e o da Federación Española, Francisco Javier Iglesias, coincidiron á hora de agradecer ao Concello “as facilidades” que da para organización de eventos deste deporte. Iglesias Senra definiu a Pontevedra como unha “base importante” para a Loita xa que suma un número significativo de clubs, un Centro de Tecnificción Deportiva e un Concello disposto a mollarse pola promoción do deporte.