A reunión do Comité organizador, primeiro paso do Festival Multisport Triatón Pontevedra 2019

28
    • Todas as administracións se comprometeron a colaborar coa organización do evento que traerá á provincia de Pontevedra a uns 4.000 deportistas (arredor de 10.000 persoas con acompañantes).
    • O Festival engloba cinco probas mundiais: Aquatlón, Triatlón de longa distancia, Triatlón Cross, Duatlón e Aquabike.

O Concello de Pontevedra acolleu esta mañá a reunión do Comité Organizador do Festival Multisport Pontevedra 2019 integrado polo Concello de Pontevedra, a Deputación provincial, a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral do Deporte, e as federacións Internacional, Española e Galega de Triatlón. Na reunión estiveron presentes, polo tanto, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a secretaría xeral para o Deporte, Marta Míguez, o presidente da Federación Española de Triatlón, José Hidalgo, e o presidente da Federación Galega, Óscar Surís, acompañados de técnicos das distintas institucións e entidades que integran este Comité Organizador.

Na reunión se confirmou que en Pontevedra se celebrarán no ano 2019 (as datas concretas están por pechar) os campionatos do mundo de Aquatlón, Triatlón de longa distancia, Triatlón Cross, Duatón e Aquabike (3 km de natación e 120 km de carreira en bici).

Está previsto que congregue durante uns 10 días a arredor de 4.000 deportistas, o que suporá unha visita de máis de 10.000 persoas dado que este tipo de atletas soen viaxar acompañados das súas familias. Isto implica un revulsivo económico moi importante para Pontevedra, a súa comarca e a provincia.

Na reunión non puido estar presente a presidenta da Federación Internacional de Triatlón, Marisol Casado, que estaba confirmada no encontro, dado que tivo que desprazarse de urxencia a Lausanne (Suíza) para participar da decisión do COI de conceder ao triatlón unha nova medalla nos xogos olímpicos na disciplina de relevo mixto. Esta decisión darase a coñecer hoxe pola tarde, a partir das 16.00 horas.

O primeiro Festival Multisport celébrase este ano en Canadá, e o vindeiro 2018 en Dinamarca. A terceira experiencia será a de Pontevedra, que en palabras do presidente da Federación Española “é o proxecto máis ambicioso ao que se presenta a Federación española dende a súa existencia”. Tamén destacou a importancia do proxecto pola súa repercusión económica e turística, ademais de polas evidentes repercusións deportivas.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo salientar o polo de atracción turística que suporá este evento, polo que a Deputación estará para apoiar as decisións do Comité organizador tanto económica como organizativamente. Felicitou ao Concello de Pontevedra por asumir o reto de organizar un evento deportivo destas características.

O presidente da Federación Galega de Triatlón, Óscar Surís tamén felicitou á cidade e a todos os organizadores por esta iniciativa, e a secretaría xeral da Xunta, Marta Míguez explicou que este Festival Multisport Triatlón Pontevedra 2019 “supón un paso adiante ao máis alto nivel, e dispón de todos os ingredientes para realizalo con solvencia. Pontevedra xa demostrou que é capaz”.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou que o Festival xa dispón de imaxe: o neto de Ravachol. A organización pide a axuda dos pontevedreses para darlle un nome.