A cultura rupestre galega, presente nos trofeos para finalistas do Multisport

197

Pack de benvida e conxunto de medalla e camisola para finalistas son tres agasallos que se están elaborando xa para os participantes e finalistas no Multisport 2019 de Pontevedra.  Unha mochila de marca Austral recibirá aos triatletas, dentro das cales, ademais doutros efectos prácticos, figurarán a versión en papel da revista oficial do campionato e o calendario de mesa editado pola cidade e adicado case por completo ao evento.

Os dous trofeos para finalistas (medalla e camisola) están protagonizados por un deseño basado na cultura rupestre galega que rodea a cidade de Pontevedra, unha aposta patrimonial que resalta o valor da orixe, a través dun símbolo contemporáneo que reflicta un dos característicos labirintos circulares, simplificado.

Os petróglifos son inscripcións realizadas en rocha ao aire libre datadas entre 4.000 e 5.000 anos dispersas por todo o mundo. En Galiza, arredor de Pontevedra, consérvase a maior concentración europea destas primitivas creacións artísticas con simboloxías que van dende as enigmáticas concentracións de círculos ata escenas de caza ou domésticas.

Unha das propostas de lecer paralelas consiste precisamente en visitar o parque arqueolóxico da arte rupestre, situado en Campo Lameiro (www.paar.es), un importante centro de interpretación sobre a primitiva cultura de Galicia a uns 20 km da cidade. Tamén hai petróglifos identificados e visitables en municipios próximos, como os de Mogor en Marín ou os de Tourón, en Ponte Caldelas.

Tanto os trofeos como as camisolas diferenciarán cromáticamente os deportes aos que se refiren, nunha escala que vai dende os amarelos ao azul corporativo de ITU, pasando polos laranxas,granate e violeta que aparecen no logo oficial do Multisport.