Comezou a campaña de comunicación directa en Pontevedra e contorna

65

Duas equipas distintas están promocionando estes días o Mundial Multisport a través da comunicación directa coa cidadanía. Trátase das persoas que están repartindo material promocional na cidade e das que o fan en concellos próximos, onde se ubican cunha bandeira publicitaria en lugares frecuentados como feiras ou mercados.

Estes puntos de centralidade de vilas ou cidades son lugares especiais para realizar a distribución directa de publicidade que sobre todo contén os horarios das principais probas deportivas e os dos concertos do Trifest, que figuran na programación do Multisport como eventos paralelos.

A equipa que reparte publicidade pola cidade non o fai directamente á xente que pasea ou se traslada, senón aos comercios e bares, onde aproveita para dar explicacións básicas e ofrecerlles un soporte para o escaparate coa imaxe do evento (que despois poden reutilizar para calquera outra campaña que desexen), dentro da acción “Pontevedra é mundial”. Tamén lles deixa un cartel convencional e certa cantidade de trípticos informativos.

Esta campaña de comunicación directa persigue un esforzo informativo máis acaído entre os comerciantes da cidade, para reforzar a importancia do mundial en relación a calquera outro evento que se teña realizado.

Así mesmo, a campaña fóra da cidade persegue difundir a través das redes sociais da proba algúns datos de interese turístico dos agradables lugares que arrodean a cidade, como poden ser o porto de Combarro ou o miradoiro da Costa da Vela, dous lugares emblemáticos que xa visitaron. Estas fotografías irán acompañadas de textos evocativos sobre cada atractivo turístico e chegarán aos máis de 8.000 receptores que teñen as redes de Fb, Twitter e Ig.