Empeza a conta atrás para o Multisport

21

“O World Multisport é xa un éxito” foi a frase máis repetida entre os numerosos participantes nun acto institucional que serviu para marcar a conta atrás da proba aos 30 días do inicio da competición. Serán 18 carreiras distintas, que multiplicando por dous ou tres modalidades que inclúen cada unha delas, dá un total de 34 modos distintos de competir nadando, correndo en bici e a pé.

“Será un acontecemento inmellorable” díxose antes de que o presentador do acto, o xornalista Ramón Mella, invitara a todos os participantes a brindar con Albariño polo éxito da organización.

Iniciou a sesión Anxos Riveiro, concelleira de Deportes, á que seguiron a voluntaria Laura Barreiro e o campión do mundo de Longa Distancia, Pablo Dapena, que foron as estrelas do acto, toda vez que o conxunto dos oradores agradeceron o traballo do voluntariado. Barreiro referíuse a os 11 anos que o grupo de voluntariado deportivo leva aportando a súa enerxía á cidade e falou da motivación, as ganas e o sentido de equipo coma as súas principais fontes de inspiración. “Queremos estar á altura do que se espera de nós”, dixo pronosticando un evento feliz.

Pablo Dapena dixo que o 4 de maio sería para el “Un día duro na oficina”, que se esforzará para manter o seu título e recordou que no acto faltaban os seus amigos Javi Gómez Noya, que se atopaba en Nova Celandia, e Saleta Castro, que adestraba en Valencia estes días.  Ambos protagonizaron algúns dos 5 vídeos que se proxectaron no acto e que se están usando nas distintas plataformas de promoción do Multisport.

No acto tamén participaron con breves intervencións os portavoces municipais, menos a de Ciudadanos, María Rey, que excusou a súa presenza por un problema familiar de última hora. Tanto Luis Rei (Marea), coma Agustín Fernández (PSOE), Rafael Domínguez (PP) e Raimundo González (BNG) expresaron a súa satisfacción co desenrolo dos traballos previos e a súa confianza en que vai ser un evento brillante no que toda a cidade vai colaborar.

Para pechar a sesión falaron os promotores do mundial. En nome das Federacións de Tríatlon, o presidente da galega, Gonzalo Triunfo, agradeceu a implicación de todas as administracións. No bloque institucional falaron a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; o secretario de Deportes da Xunta, José Ramón Lete; a presidenta da Diputación, Carmela Silva e o alcalde e presidente do Comité Organizador, Miguel Anxo Fernández Lores.