O acuatlon acaparou o foco da xornada do 2019 ITU Pontevedra Multisport World Championships by Santander. O leonés Kevin Tarek Viñuela confirmou o seu gran momento de forma e fíxose coa medalla de prata na competición elite masculina. Despois de callar un excelente tramo de natación, alcanzou a transición na cabeza e, no segmento de carreira a pé, unicamente o acerbaixano Rostislav Petsov, que mostrou unha gran fortaleza, foi quen de superarlle. O ruso Dmitry Polyansky logrou a medalla de bronce.
En categoría feminina, a polaca Aljcia Ulatowska colgouse a medalla de ouro na proba elite despois de superar á húngara Bragmayer Zsanett nun intenso man a man. A mexicana Itzel Arroio completou os postos de honra, mentres que Sara Guerreiro foi a mellor española despois de cruzar a liña de meta na duodécima praza e de rubricar o cuarto posto en sub-23.
DOMINIO EN CATEGORÍAS SUB-23 E XUVENIL MASCULINA
As probas masculinas de acuatlon, nas categorías sub-23 e xuvenil, tiveron unha marcada cor española. Ander Noain conseguiu o título de campión mundial sub-23 tras asinar un excelso tramo de natación e, posteriormente, xestionar a vantaxe no segmento de carreira a pé. Ademais, Andrés Cendán alzouse coa medalla de bronce. O polaco Kamil Damentka completou as posicións de honra co seu segundo posto.
En categoría xuvenil masculina, o galego Esteban Basanta fíxose cun brillante triunfo despois de remontar no segmento de carreira a pé. Jorge González completou a excelente actuación dos españois e colgouse a medalla de prata, mentres que o ucraíno Vitalii Vorontsov finalizou na terceira posición. Na proba xuvenil feminina, a mellor española foi Clara Aulinas, que atravesou a meta no sexto posto. O triunfo correspondeulle á italiana Bianca Seregni.
A xornada do 2019 ITU Pontevedra Multisport World Championships by Santander pechouse cunha brillante actuación dos paratriatletas españois, que lograron seis medallas nas distintas modalidades de acuatlon. Ricard Marín proclamouse campión da categoría PTS2 e Juan Jesús Aguiar fixo o mesmo en PTS4. Susana Rodríguez conseguiu o primeiro posto en PTSVI. Antonio Franco e Lluis Marc Pellicer acabaron segundo e terceiro respectivamente en PTS5 por detrás do xaponés Tetsuki Kaji. Por último, José Manuel Quintero fíxose coa medalla de prata en PTWC tras unha competición na que só foi superado por Antonio Daniel Muller.
Texto: Federación Española de Triatlón
www. pontevedra2019.org/itu