O malagueño Rubén Ruzafa converteuse nun dos protagonistas da xornada do 2019 ITU Pontevedra Multisport World Championships by Santander. O deportista español realizou unha competición de menos a máis para colgarse a medalla de prata no Campionato do mundo de Tríatlon Cros, en categoría elite masculina. Pese a que pechou o tramo de natación lonxe dos postos de vangarda, realizou unha remontada sobre a bicicleta para afrontar o segmento decisivo dentro do cuarteto cabeceiro. Na carreira a pé, deu o mellor de si, pero non puido co francés Arthur Forissier, que lle avantaxou en 33 segundos na liña de meta. O checo Lukas Kocar subiuse ao terceiro chanzo do podio. O leonés Kevin Tarek Viñuela, que foi o máis rápido na sección de natación, asinou unha destacada oitava praza final.
Á conclusión da proba, Rubén Ruzafa manifestou que “non puiden descolgar a Kocar no tramo en bicicleta e, ao final, uníusenos o francés. Así que tiven que dalo todo na carreira a pé para conseguir a medalla”.
En categoría elite feminina, a mala fortuna cebouse con Laura Gómez e apartouna da loita polas medallas. A catalá caeu da bicicleta cando marchaba na primeira posición e, posteriormente, sufriu unha picada. Pese e os contratempos, non arroxou a toalla e atravesou a liña de meta nunha meritoria décimo cuarta posición. A italiana Eleonora Peroncini fíxose co cetro mundial por diante das británicas Jacqueline Slack e Nicole Walters.
En categoría sub-23 feminina, a suíza Loanne Duvoisin logrou un nítido triunfo nunha proba na que Marina Muñoz foi a mellor española despois de selar o sétimo posto. En modalidade sub-23 masculina, a vitoria foi para o francés Maxime Chane, mentres que o galego Alberto Castiñeira foi o mellor dos españois tras acabar na undécima praza.
TRES MEDALLAS EN CATEGORÍA XUVENIL
Os representantes españois de categoría xuvenil asinaron unha brillante actuación no Mundial de Tríatlon Cros, no que conseguiron tres medallas. En modalidade masculina, o madrileño José Ignacio Gálvez realizou un espectacular tramo de carreira a pé para adxudicarse a medalla de prata, mentres que o asturiano Manuel Menéndez logrou o bronce. Unicamente o danés Oscar Gladney foi capaz de superar aos españois. Na competición feminina, a madrileña Beatriz Medrano obtivo a medalla de bronce nunha proba na que a holandesa Willemijn Fuite fíxose co triunfo por diante da australiana Zoe Davison.
A xornada completouse con outras cinco medallas para España na competición de tríatlon cros para paratriatletas. Joaquín Carrasco fíxose co triunfo na categoría PTS3, o mesmo que Josefina Guimarey en PTS5 feminina. Ricardo Marín finalizou segundo en PTS2 por detrás do italiano Gianluca Valori. Rafael Solís tamén se fixo coa medalla de prata en PTS5 masculina, na que a vitoria correspondeu ao xaponés Tetsuki Kaji. Por último, José Antonio Abril concluíu terceiro en PTS4 masculina nunha proba dominada polo austríaco Martin Falch.
Texto: Federación Española de Triatlón