A francesa Sandra Levenez non deu opción ás súas rivais no Campionato do Mundo feminino de dúatlon que se celebrou este mediodía en Pontevedra e, cun dominio esmagador, reeditou o título que xa conseguira no ano 2014 na mesma cidade. A austríaca Sandrina Illes e a francesa Garance Blaut completaron o podio.
Despois de marchar en compañía de Sandrina Illes durante os dez primeiros quilómetros de carreira, Sandra Levenez fabricou o ataque decisivo no tramo en bicicleta. Entón, non só abandonou a compañía da deportista austríaca, senón que foi quen de ampliar a diferenza con respecto ás rivais ata que cruzou a liña de meta en solitario.
Por detrás, a Sandrina Illes uníronselle as francesas Garance Blaut e Marion Legrand durante o tramo de ciclismo. No momento decisivo, a austríaca impuxo o seu poderío na carreira para deixar atrás ás súas acompañantes e colgarse a medalla de prata. Blaut finalizou terceira.
Sandra Levenez manifestou tras lograr a medalla de ouro que “é unha alegría conseguir o segundo título de campioa do mundo, que, como na anterior ocasión, foi en Pontevedra. Sabía que iamos empezar moi rápido, así que preferín reservarme para atacar na subida no segmento en bicicleta”.
MARTA PINTANEL, SUBCAMPIOA EN CATEGORÍA SUB-23
A venezolana Edymar Danieli Brea proclamouse vencedora da categoría sub-23. A española Marta Pintanel obtivo a medalla de prata despois de atravesar a liña de meta a 32 segundos da vencedora. Pintanel asinou unha carreira de menos a máis ata terminar na sétima posición absoluta. O bronce en categoría sub-23 quedou vacante despois de ser dobradas todas as demais aspirantes.
Marta Pintanel afirmou sentirse “moi contenta despois de acabar segunda, porque non mo esperaba. Atopeime moi forte na bicicleta”. A deportista española conseguiu, desta maneira, asinar unha actuación brillante no que foi o seu debut nun Campionato do Mundo.
Texto: Federación Española de Triatlón
www. pontevedra2019.org/itu