Sergio Baxter Cabrera, brillante campión do mundo xuvenil de dúatlon

12

A xornada do 2019 ITU Pontevedra Multisport World Championships by Santander tivo unha marcada cor española. Sergio Baxter Cabrera fíxose coa vitoria en categoría xuvenil masculina nunha proba que manexou con man firme en todo momento. Situouse desde o inicio no grupo cabeceiro e cimentou a medalla de ouro despois de desatar un contundente ataque no segmento de ciclismo ao que ningún dos seus rivais puido responder. O ucraíno  Vitalii Vorontsov, que atravesou a liña de meta a 44 segundos do gañador, e o belga Giani Vanden Broucke flanquearon ao español no podio.

“Atopeime moi ben no primeiro sector de carreira a pé e, despois, tamén na bici. Foi moi bonito conseguir esta medalla nun lugar como Pontevedra”, comentou o novo campión do mundo de dúatlon en categoría xuvenil masculina. Anxo Sánchez Carreiras, pola súa banda, concluíu na sexta praza.

Na competición de dúatlon xuvenil feminina, Laura Durán alzouse coa medalla de bronce. A carreira foi dominada pola suíza Delia Sclabas, que logrou un cómodo triunfo por diante da italiana Constanza Arpinelli. Laura Durán, pola súa banda, situouse no grupo perseguidor e, paulatinamente, foi descolgando ás súas rivais para acabar amarrando a terceira posición no derradeiro segmento de carreira, no que superou á  luxemburguesa Eva Daniels.

ONCE MEDALLAS PARA OS PARATRIATLETAS ESPAÑOIS

O 2019 ITU Pontevedra Multisport World Championships by Santander tamén viviu esta mañá as competicións de paratríatlon. Un total de trece deportistas españois tomaron parte nas diferentes categorías de dúatlon e conseguiron un botín de once medallas.

Jairo Ruiz converteuse no dominador da categoría  PTS5, na que conseguiu a medalla de ouro por diante do italiano Mauro Gava e do tamén español Rubén Martínez, que logrou o bronce. Na categoría  PTS3, os triatletas españois coparon os postos de honra, xa que Daniel Molina, Raúl  Zambrana e Joaquín Carrasco acapararon todas as medallas. José Manuel Quintero adxudicouse o triunfo na categoría PTWC. Tamén destacaron as actuacións de Ricardo Marín e José Joaquín Martínez, segundo e terceiro respectivamente en PTS2, nunha proba na que o francés  Geoffrey  Wersy conseguiu o triunfo. Jorge Orejón e Francisco Jesús San Martín lograron a prata e o bronce en PTS4 por detrás do irlandés Tojo Lazzari. Por último, Josefina Guimarey subiuse ao segundo chanzo do podio en  PTS5 feminino tras unha competición na que foi superada pola neozelandesa Fiona Southorn.

Texto: Federación Española de Triatlón