Sete espectáculos acompañarán ao mundial de tríatlon a semana que comparten abril e maio

23

Unha relevante axenda de espectáculos e outras actividades de animación para a veciñanza, os visitantes e os deportistas que acudan ao ITU World Multisport foi presentada esta mañá pola concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, quen manifestou que este programa contribuirá a facer aínda máis atractivo o campionato do mundo e ofrecer unha amplia variedade musical que combina a produción local, planteamentos máis vanguardistas, folclore e toques internacionais.

As propostas musicais nacen na inauguración, na que participarán as gaitas de Os de Algures co grupo de Danza das Rías Baixas, que ofrecerán o toque tradicional nalgunhas prazas do Centro Histórico e no propio escenario principal, lugar que tras os discursos protocolarios ocuparán os actores do Pablo Méndez Performance, cun espectáculo de danza aérea realizado expresamente para esta apertura.

O sábado 27 de abril será o heavy local de Malkeda quen ocupará o escenario principal, ubicado ás costas do Monumento aos Heroes de Ponte Sampaio, na Praza de España.

O domingo o espectáculo trasládase á explanada do Recinto Feiral, onde se ubicará o enorme escenario de luz e pantallas da Orquesta Panorama, soporte que servirá tamén para as cerimonias de premiación dos grupos de idade do Mundial de Duatlón e que sen dúbida será un dos principais momentos de todo o evento, tal como recordan moitos participantes no pasado mundial celebrado en Pontevedra fai uns anos.

O martes 30 de abril, véspera de festivo, día do mundial de tríatlon cross, será Mercedes Peón quen animará a festa co seu enérxico folk electrónico, unha aposta moi urbana e evolucionada que sen dúbida sorprenderá ao público internacional.

O primeiro de maio, festivo, actuará na Praza de España Claxxon, una formación que rinde tributo ao pop e rock español e internacional dos 80 e 90 e que prepara un repertorio cheo de éxitos para todos os gustos, dende Mecano a Bonnnie Tyler pasando por Sabina, Springsteen, Europe, Led Zeppelin, Deep Purple, The Cramberries ou Mónica Naranjo.

O rompedor dj Baiuca ocupará a noite do xoves, 2 de maio coa sua aposta de fusión entre os sons máis techno do momento e os cantares populares máis primitivos de Galiza, con coros en directo sobre bases procedentes da estética musical máis contemporánea.

Xa por último, a festa de clausura, o sábado 4 de maio, correrá a cargo do mellor grupo de tributo a Queen que percorre o mundo, Dr. Queen, que ofrecerá o seu concerto de peche do que será unha semana chea de propostas para propios e visitantes.

O que se pretende con esta programación, según destacou Riveiro, “é vender país con propostas que poidan sorprender ao público internacional que esperamos, e ofrecer ao deportista un ambiente de festa, un dos aspectos que máis valoran da nosa aposta”. O noso estilo de vida, a rúa como escenario común para calquera evento social, se reforzan cunha axenda na que ademáis das estrelas musicais contamos con aportacións como os dj da Duendeneta, encargados das Pasta Party, ou actividades como as dúas zumbas colectivas organizadas por Be One na Praza de España.